Riotorto no tempo

Ebeling

Friedrich Wilhelm Walter Ebeling naceu en Hamburgo (Alemaña) o 29 de outubro de 1904. Estudou Primaria e Secundaria na súa cidade natal, obtendo o diploma de bacharelato en 1923. Logo dedicouse a actividades comerciais durante dous anos e medio. En 1925 ingresou na Universidade de Hamburgo para estudar Filoloxía Románica e Inglesa e Historia ata 1929, cando iniciou estudos de Folclore. No verán de 1928 emprendeu a primeira viaxe para investigar o folclore e a dialectoloxía do leste da provincia de Lugo e tamén dalgúns pobos asturianos de fala galega. Regresaría para continuar as súas investigacións no verán de 1929 e posteriormente en 1933. Parece ser que foi nesta última viaxe cando estivo en Riotorto.

As investigacións de Ebeling estaban inspiradas e dirixidas polo doutor Fritz Krüger, que foi profesor del na universidade, e enmarcábanse nas investigacións do propio Dr. Krüger e do Seminario de Linguas e Cultura Románicas que dirixía na Universidade de Hamburgo. Krüger esaba empeñado en recoller de primeira man, viaxando a pé de aldea en aldea, a culura popular de distintas rexións románicas, antes de que desapareceran ante o avance dos tempos modernos.

Ebeling, coma moitos dos discípulos de Krüger, dedicouse profesionalmente ao ensino no ámbito da secundaria, na mesma cidade de Hamburgo, polo menos na década de 1940. Da traxectoria vital posterior de Ebeling non sabemos apenas nada.

Na imaxe podemos ver a Walter Ebeling (no medio, con boina) no adarve da muralla de Lugo, coa catedral ao fondo.