Antonio López Arias, fotógrafo nos primeiros anos do século, viviu no Mazo (Riotorto), concretamente na casa onde tiña a tenda Salustiano do Ferreiro. Compaxinaba a fotografía co traballo de barbeiro. Tamén sabemos que chegou a construír máquinas fotográficas, coma unha que lle vendeu ao Queitano, outro fotógrafo de Riotorto. Poucos son os datos que temos do Corelo, pois emigrou á Arxentina, non quedando descendencia súa en Riotorto.
Debaixo destas liñas podemos ver o detalle dos marcos de dúas fotos feitas polo Corelo, o da esquerda no ano 1925 e o da dereita, de data descoñecida, no que se indica que tiña sucursais en Meira e A Pontenova.