Manuel González Rodríguez naceu o 3 de novembro de 1915 en Soutelo, na parroquia de Ferreiravella. Era fillo de José María González Fernández “O Queitano” e de Nieves Rodríguez Iravedra, da casa de Gregorio da Granxa. Foi o maior de nove irmáns, cinco dos cales emigrarían á Arxentina e a Venezuela.
Iniciouse na fotografía para poder ter unha certa autonomía económica, nunha época na que era difícil atopar un traballo aparte da agricultura e da forxa, actividades das que vivían a maioría dos veciños de Ferreiravella. A principios dos anos 40 mercoulle unha máquina fotográfica a Toñín da Casanova. Esta máquina fora construída por outro fotógrafo de Riotorto: Antonio López Arias, “O Corelo”, que uns anos antes emigrara á Arxentina. Foi con ela a Ribadeo, aprendendo a sacar fotos cun vasco que vivía nesa vila, e que lle deu clases durante uns días.
Tivo un local en Meira, situado xunto á panadería Muriato. Este local era propiedade de Mario de Eiras. Facía fotos nas festas da rodeada: Castro de Rei, A Ponte de Outeiro, Muimenta, Castro de Ribeiras de Lea, Duarría... Logo entregaba esas fotos no seu local ou ben nas festas seguintes. Facía tamén as fotografías para o carnet de identidade e para acontecementos sociais, como vodas, comunións e enterros –naquela época era costume facerlles fotos aos defuntos para enviarllas a familiares que estaban fóra–. Nos primeiros anos desprazábase en bicicleta, pasando logo a facelo en moto. Revelou sempre as súas fotos ata a chegada da fotografía en cor.
No ano 1945 casou con Concepción Rodríguez Gavín, da casa de Villada do Teixeiro. O matrimonio tivo dous fillos –Pepe e Mari Nieves– e catro netos, entre eles Fernando González, “Gonzo” –xornalista, foi reporteiro de “Caiga Quien Caiga” e presentador de “Fiestra Cultural”, “El Método Gonzo” e “Caixa Negra”; actualmente é colaborador de "El Intermedio"– e David Cabarcos –futbolista retirado, chegou a xogar en Segunda División co Compostela, e militou tamén no Lugo, Pontevedra e Ourense, entre outros equipos; tamén xogou na Primeira División de Chipre–.
Compaxinou o oficio de fotógrafo co de ferreiro, que herdou do seu pai e no que traballou case toda a súa vida: deixou de facer fouciños no ano 2000. Tamén herdou do seu pai a corresponsalía do xornal “La Voz de Galicia” en Riotorto. Este traballo levaba consigo o cobro das suscricións da zona, ademáis do envío ocasional de crónicas ao xornal. Outro traballo que tivo foi o de taxista: o seu primeiro vehículo foi un Studebaker que lle mercou ao Garrido; na venda ía incluída a licencia de taxi.
No ano 1987 foi homenaxeado, xunto con Lombardero de Meira e Juan José de Lugo, por cumprir 50 anos como fotógrafo. No acto foi condecorado por Bernardino Barreiro, presidente da Asociación de Fotógrafos de Lugo.
Coa idade, a súa filla foino substituíndo pouco a pouco no traballo de fotógrafo. Manuel e Concha trasladáronse a vivir a Foz no ano 2000, por mor dunha operación de cadeira dela. Nesta vila faleceu o 19 de marzo de 2009.