Riotorto no tempo

Teodoro

Teodoro Enríquez Pardo naceu o 6 de abril de 1923 na Fonsagrada. Viviu uns anos na parroquia dos Vaos -hoxe pertencente á Ribeira de Piquín, pero que daquela formaba parte do concello da Fonsagrada-,  trasladándose sendo un rapaciño ó Vilar de Meilán coa súa nai e a súa avoa. Máis tarde veu para Chacín, para a casa da Rigueira, onde xa estaba a súa nai, a quen lle deixaran esa casa por coidar ao dono.

Iniciouse na fotografia polo ano 1947 traballando para o laboratorio fotográfico Sáez de Ribadeo. Naquela época ía polas festas e romarías sacando fotos a grupos de amigos e parellas, ás procesions, etc. Tamén o chamaban para case todas as celebracións que se facían na comarca: vodas, comunións, e mesmo enterros (era unha costume da época).

No ano 1956 casou cunha veciña de Chacín e tivo dúas fillas. Seguía a compaxinar a súa faceta de fotógrafo coas labores da casa. Pasado un tempo preparou un pequeno local ó lado da casa -este local xa non existe hoxe en día-, onde revelaba el mesmo as fotos que sacaba. Alí pasaba horas pechado, xa que era un proceso lento que se facia ás escuras, empregando unha mestura de ácidos.

Fixo durante anos as fotos do carné para moitos dos veciños da parroquia, cousa que sobre todo os maiores lle agradecían moito por non ter que saír do pobo.

Esta afección ás fotos fixo que fora moi coñecido por todos os pobos da rodeada. Ademais foi unha persoa polifacética, que facía un pouco de todo, e que solucionou moitos problemas nas casas de Chacín e dos arredores. Fixo arranxos de electricidade, exercía de practicante poñendo inxeccións aos veciños que o precisaban, fixo contas para algúns empresarios da zona, redactou documentos de compravenda e de cambios de leiras, etc.

Era un home con boa cultura e oratoria, debido á afección que tiña á lectura de todo tipo de libros, revistas e sobre todo xornais, así como á filatelia e ao cine -foi operador de cámara nos primeiros anos do cine da Pontenova-. Tamén foi un dos fundadores da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Riotorto.

Nos anos 70 traballou para Leite Río, abandonando a fotografía agás a nivel familiar. Xubilouse no ano 1979 por enfermidade, falecendo no hospital Juan Canalejo da Coruña o 30 de abril de 1998, ós 75 anos, a consecuencia dunha enfermidade cardiovascular.