Riotorto no tempo

Paisaxes e retratos

Nas paisaxes vemos como foi cambiando Riotorto ó longo do tempo. Por outra banda, a fotografía era moitas veces a única maneira de coñecer a familiares nados na emigración e tamén dalos a coñecer a aqueles veciños que por motivos económicos tiveron que marchar buscar a vida noutras terras.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar

Comentarios

Máis imaxes

A bisavoa de Álvaro Cunqueiro

Retrato de Nicolasa Agüera González asinado por F. Lorente en 1903. Viúva do notario de Riotorto, Manuel Moirón Fernández, patriarca da influente familia Moirón de Cachán; Manuel e Nicolasa eran bisavós de Álvaro Cunqueiro. Ela, ademais, estaba emparentada cos Santomé de Santa Marta de Meilán. Naceu en Cachán (Riotorto) o 17 de abril de 1834, sendo filla única de Vicente Agüera e de Vicenta Díaz Aguiar, naturais de Riotorto. Casa con Manuel Moirón o 4 de marzo de 1847, e ó ser tan nova, intérnana con monxas durante dous anos para a súa formación. Fixan a súa residencia na casa de Cachán, tamén chamada de Uría ou de Agüera. Teñen 16 fillos, entre eles Carmen Manuela Vicenta Moirón Agüera, nai de Josefa Mora Moirón (Pepita) e, polo tanto, avoa de Álvaro Cunqueiro.

Na revista El Agricultor aparece a seguinte información sobre Nicolasa: "En xullo de 1913 é a única en presentar exemplares de vacún estranxeiro no concurso de gandos de Riotorto, 3 vacas que merecen un premio especial, unha estatua de bronce obsequio de Montero Villegas. O seu fillo Sergio Moirón Agüera, que se presenta polo distrito de Riotorto na candidatura dos caciques de novembro de 1913, presidirá o concello por primeira vez o 7 de xaneiro de 1914. Dona Nicolasa morre en outubro de 1914. O enterro ten lugar o 12 de outubro de 1914, constituíndo o acto unha gran manifestación de dó e testemuño de aprecio e estimación de tan distinguida familia. Asistiron ás honras fúnebres as primeiras autoridades de Meira e Vilameá"

Cachán (Riotorto), 1903

Etiquetas: Álvaro Cunqueiro

Arquivo: Aurora Moirón