Riotorto no tempo

Patrimonio

O patrimonio é o legado que recibimos do pasado e que debemos coidar no presente para poder trasmitirllo ás futuras xeracións. Nesta sección ten cabida todo o relacionado co rico patrimonio de Riotorto. Etnografía, arquitectura popular e relixiosa, documentación histórica e todo o que nos poida axudar a coñecer un pouco mellor a nosa historia.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar

Comentarios

Máis imaxes

Antiga igrexa de San Pedro

A igrexa parroquial de San Pedro de Riotorto sufriu moitas vicisitudes ó longo do tempo. Aparece citada nunha doazón de Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, ó mosteiro de Vilanova de Lourenzá no ano 969, sendo este o documento máis antigo que coñecemos no que figura o nome de Riotorto: "in Riu Torto, villa de Parata cum suis adiunctionibus et ecclesiam Sancti Petri integra". Durante a Guerra da Independencia, unha partida do exército francés aloxouse na igrexa e na casa reitoral, destruíndo tódolos documentos e libros parroquiais. A inestabilidade do terreo onde se sitúa a igrexa provocou que se derrubara varias veces e se levantara de novo. A que se ve na foto é probablemente a construída en 1887, por mor de "haberse hundido una buena parte de la vieja y amenazar inminente ruina el resto de ella", segundo o libro de fábrica da parroquia. Esta igrexa caería tamén, sendo substituída pola actual, que non obstante foi abandonada para o culto en favor da construída nas Rodrigas nos anos 50. Porén, a torre de San Pedro mantense en pé desde a súa construcción en 1762, e presenta restos duns muros que corresponderon a unha igrexa anterior, que posiblemente foi substituída pola construída en 1887.

San Pedro (Riotorto), década de 1920

Etiquetas: Sociedad Mondoñedo y Distritos, Torre de San Pedro, Igrexa de San Pedro

Arquivo: Asociación Cultural Arrincadeira