Riotorto no tempo

Patrimonio

O patrimonio é o legado que recibimos do pasado e que debemos coidar no presente para poder trasmitirllo ás futuras xeracións. Nesta sección ten cabida todo o relacionado co rico patrimonio de Riotorto. Etnografía, arquitectura popular e relixiosa, documentación histórica e todo o que nos poida axudar a coñecer un pouco mellor a nosa historia.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Apoio do Concello de Riotorto ó Estatuto de autonomía

Os concellos e as sociedades de emigrantes foron dous dos principais impulsores do Estatuto, como vemos nesta nova publicada no semanario "Galicia" de Bos Aires o 20 de novembro de 1932, editado pola Federación de Sociedades Galegas. O Concello de Riotorto responde ao telegrama da "Asociación del Ayuntamiento de Meira y sus Comarcas" pronunciándose a favor do Estatuto e Autonomía de Galiza. Era alcalde de Riotorto Antonio Bermúdez Leivas (Antón de Bermúdez) quen seguía no cargo cando comeza a Guerra Civil, sendo represaliado polas súas ideas políticas.

Galiza aprobou o seu primeiro Estatuto de Autonomía nos anos 30 do século pasado, no marco da II República española. O Estatuto era o remate dun longo proceso que tiña as súas raíces no século XIX e que culmina coa Asemblea Rexional de Concellos celebrada os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932 na Facultade de Medicina de Santiago, na que votan a favor do Estatuto 256 dos 319 concellos que tiña daquela Galiza. Tras varios retrasos o Estatuto era finalmente ratificado polo pobo galego no plebiscito celebrado o 28 de xuño de 1936, no que votou o 74,56% do censo electoral cun 99,24% de votos a favor (993.351, por 6.161 en contra e 1.451 en branco). Lamentablemente, o Estatuto non chegaría a entrar en vigor debido á rebelión militar que deu orixe á Guerra Civil. O texto sería admitido a trámite o 1 de febreiro de 1938 nas Cortes celebradas en Montserrat (Catalunya) e non sería aprobado ata 1945 nas Cortes celebradas no exilio en México, tendo xa un efecto meramente testemuñal, pero que faría posible o recoñecemento de Galiza como nacionalidade histórica na actual Constitución española.

Bos Aires, 1932

Etiquetas: Noticias en periódicos