Riotorto no tempo

Patrimonio

O patrimonio é o legado que recibimos do pasado e que debemos coidar no presente para poder trasmitirllo ás futuras xeracións. Nesta sección ten cabida todo o relacionado co rico patrimonio de Riotorto. Etnografía, arquitectura popular e relixiosa, documentación histórica e todo o que nos poida axudar a coñecer un pouco mellor a nosa historia.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar

Comentarios

Máis imaxes

Avelino Díaz

Nace o poeta e galeguista Avelino Díaz y Díaz no lugar da Travesa, parroquia de Santa Comba da Órrea, o 14 de novembro de 1897. Obrigado a emigrar ás Américas, rematou por asentarse en Bos Aires, onde desenvolveu unha importante labor xornalistica e literaria sempre ligado á "Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales", da que chegou a ser unha das figuras máis senlleiras. Enrolado no movemento republicano e galeguista, participou activamente no seo da Irmandade Galega e máis do Consello de Galiza. Morreu en Bos Aires no ano 1971 e foi enterrado no Panteón do Centro Gallego, preto de Castelao e Ramón Suárez Picallo.
A continuación reproducimos parte dun dos poemas recollidos por Marivel Freire, estudosa da súa figura, na obra "Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante", publicada no ano 2002 polas Brigadas en Defensa do Património Chairego.

ESPELLO ALDEÁN

¡Aldeia donde eu nacín,
aldeiña da Travesa,
aldeiña na que vivían
tres casas en penitencia
iunha ducia de persoas
que nunca tiñan merenda
nin un día lles chegaba
que fose día de festa!.
(...)
¡Hoxe veume teu relembro
e tiven horas de pena
co recordo das tristuras
da miña edade pirmeira,
ehí donde ti, quizabes,
aínda tes penitencia!.

Bos Aires (Arxentina), data descoñecida

Etiquetas: Emigración, Avelino Díaz

Arquivo: Marivel Freire