
O traballo ocupaba a maior parte do tempo dos nosos devanceiros; os labores do campo marcaron gran parte da actividade dos veciños de Riotorto. Fotografías da sega ou das mallas son testemuñas dun pobo traballador e solidario.
Galiza foi un dos países que máis emigrantes aportou á emigración transoceánica dos séculos XIX e XX. A maioría dos emigrantes galegos dirixíronse á Arxentina e a Cuba. Entre 1899 e 1960 chegaron a Cuba uns 378.000 inmigrantes procedentes de Galiza. Os maiores continxentes chegaron no primeiro terzo do século pasado, debido á atracción que supuñan os numerosos postos de traballo arredor da cana de azucre. A partir de 1921, iníciase unha emigración que conseguía traballo nos negocios que controlaban xa os seus familiares e veciños na illa: comercio de víveres, pesca, hostalería, tintorerías ou cultivo e tostado do café, como se pode comprobar na fotografía de "La Principal: Panadería y Tostadero de Café José Vilar y Ca", feita por Luis R. Darraido en Caibarién, localidade onde existía unha importante colonia de emigrantes de Riotorto.
Logo da crise económica mundial de 1929 pararon os grandes fluxos migratorios, retornando moitos galegos a causa do paro producido pola crise e pola Lei de Nacionalización do Traballo de 1933. Con todo, a partir de 1946, unha vez restablecida a paz mundial e a economía cubana, reactívanse as correntes migratorias galegas cara á illa, ata que o triunfo da Revolución de 1959 acabe por extinguilas
Caibarién (Cuba), década de 1920
Etiquetas: Emigración
Arquivo: Casa de Potes