Riotorto no tempo

O traballo

O traballo ocupaba a maior parte do tempo dos nosos devanceiros; os labores do campo marcaron gran parte da actividade dos veciños de Riotorto. Fotografías da sega ou das mallas son testemuñas dun pobo traballador e solidario.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar

Comentarios

Máis imaxes

Homenaxe á Pucheira (II)

Josefa Vila Lugilde, “A Púcara” ou “A Pucheira”, foi e é coñecida polos servizos que prestou a toda a xente de Riotorto, era como un “comercial” dos de agora, unha “mandadeira”, facía e recibía encargos que ela cumpría como mellor sabía, dicía que era a súa obriga. Ía a Mondoñedo andando, moitas veces soa, unha vez á semana, camiñaba os 46 quilómetros de ida e volta que había entre Riotorto e a cidade episcopal, acompañada tan só de dúas bestas.

Os xoves, o día dos mercados, ía camiño de Mondoñedo cargada de cartas para o escribente, a roupa dos seminaristas, o diñeiro para o pago das rendas ou dalgunha letra. Dende o Campo do Oso e non lonxe da Fraga do Rei, onde habitaban os lobos, xabariles e outros animais que tantos sustos lle levan pegado, descendía por Lindín e pola calzada romana ata chegar á ponte do Pasatempo, para logo atravesar a rúa de San Roque. Contaba que algunha vez no alto, camiño de Mondoñedo, saiulle o lobo, pero ela non sentía medo, poñíase a cantar e o lobo non lle facía nada.

Co paso do tempo, parou de ir andando e comezou a ir no autobús de Bastián, e dende que o seu fillo José tivo coche acompañábaa.

Na foto aparece o día da homenaxe que se lle tributou e no que Wenceslao Besteiro Fórneas, daquela alcalde de Riotorto lle impuxo a Medalla ao Mérito no Traballo. Aparecen tamén na foto Francisco Hernández Macarro, o Veterinario (que logo sería alcalde substituíndo a Wenceslao) e máis o neno Luis Iglesia Besteiro (Luis de Ángel)

As Rodrigas, 1970

Etiquetas: A Pucheira

Arquivo: Goretti Gavín