Riotorto no tempo

Patrimonio

O patrimonio é o legado que recibimos do pasado e que debemos coidar no presente para poder trasmitirllo ás futuras xeracións. Nesta sección ten cabida todo o relacionado co rico patrimonio de Riotorto. Etnografía, arquitectura popular e relixiosa, documentación histórica e todo o que nos poida axudar a coñecer un pouco mellor a nosa historia.

Ver todas Buscar por: DataTagsLugar
Sepulcro de Xusto Rivas Fernández Imprimir | Ampliar

Imaxes relacionadas:

Comentarios

Máis imaxes

Sepulcro de Xusto Rivas Fernández

Xusto Rivas Fernández (1873-1930) é probablemente un dos personaxes máis ilustres que deu Riotorto en toda a súa historia. Naceu no Mazo, parroquia de Espasande de Baixo (que daquela formaba parte da de Riotorto), de familia moi humilde, e traballou de ferreiro antes de ingresar no seminario aos dezaoito anos. Foi ordenado sacerdote en 1900; en 1922 foi nomeado bispo de Priene (Turquía) e auxiliar de Santiago de Compostela; en 1924 foi nomeado bispo de Plasencia (Extremadura), diocese da que tomaría posesión ao ano seguinte; faleceu durante unha visita a Santiago de Compostela, e está soterrado na capela da Espírito Santo da catedral desa cidade. A imaxe foi feita o 12 de outubro de 2010, durante unha peregrinación de veciños de Riotorto a Santiago. A tradución do epitafio é a seguinte (por xentileza de José Carracedo Fraga, profesor da Universidade de Santiago de Compostela):

COMPOSTELA, 16 DE XULLO / ANO 1930 DO NACEMENTO DE CRISTO / MORREU NO SEÑOR / QUEN EN PAZ PARA SEMPRE / AQUÍ DORME E DESCANSA, / O ILUSTRÍSIMO DOUTOR XUSTO RIVAS FERNÁNDEZ, / EGREXIO BISPO DE PLASENCIA, / QUE BRILLA DESPOIS DA MORTE, / PORQUE DE PALABRA E DE OBRA / O SEU RABAÑO XUSTA E PACIFICAMENTE / REXIU, SUSTENTOU, ADOUTRINOU. / D.E.P.

A primeira imaxe adxunta foi publicada no xornal ABC o 22 de setembro de 1925, e corresponde á entrada de Xusto Rivas na cidade de Plasencia, tras ser nomeado bispo.

Na segunda imaxe adxunta, podemos ver un detalle do escudo episcopal de Xusto Rivas Fernández. No primeiro cuartel, aparece o escudo de Mondoñedo (a súa diocese natal); no segundo, o de Plasencia (de onde era bispo cando faleceu); no terceiro o da Virxe do Carme (da que era moi devoto, ademais a primeira parroquia que rexiu foi a do Carme de Mondoñedo); e no cuarto o de Santiago de Compostela (de onde foi bispo auxiliar). O texto da lenda inferior corresponde ao Salmo 85:10 e tradúcese como "a xustiza e a paz bícanse".

Santiago de Compostela, 1930

Etiquetas: Ferreiros

Arquivo: Asociación Cultural Arrincadeira