Riotorto é un concello situado no nordeste de Galicia, a cabalo entre A Mariña, A Terra Chá e as montañas orientais, participando dos trazos xeográficos de cada unha desas zonas. O concello de Riotorto tén unha extensión de 66,30 km2 e conta actualmente cuns 1.500 veciños repartidos en oito parroquias -Aldurfe, Espasande de Baixo, Ferreiravella, Galegos, A Muxueira, A Órrea, Riotorto e Santa Marta de Meilán-, aínda que a principios do século XX chegou a rondar os cinco mil habitantes.
No período histórico que abrangue esta mostra -o século XX- hai que reseñar como un dos acontecementos históricos máis importantes de Riotorto o nacemento dunha das primeiras sociedades agrarias da provincia de Lugo: a Sociedad de Labradores y Agricultores de Riotorto, que chegou a editar un xornal chamado El Agricultor, que se publicou entre 1907 e 1916, e posteriormente en 1919 cun novo formato. Este xornal foi reeditado recentemente en edición facsímile, coincidindo co centenario da súa aparición. En Riotorto existiu outro xornal chamado El Eco de Riotorto, do que só coñecemos as referencias que aparecen en El Agricultor, e que reflicten a forte rivalidade que había entre os dous bandos políticos que representaba cada xornal.
Outro acontecemento histórico determinante no Riotorto do século XX é a emigración, que se dirixe no primeiro terzo do século a América, sobre todo a Cuba, Arxentina e México. Nos dous primeiros países existiron sociedades formadas por emigrantes do noso concello, como Hijos de Riotorto en Bos Aires e Emigrados de Riotorto na Habana (a primeira delas disolveuse fai non moitos anos e a segunda segue existindo hoxe en día). Moitas das escolas que existiron nos pobos de Riotorto (chegou a haber unhas vinte) foron financiadas coas remesas de diñeiro enviadas por estes emigrantes. A partir dos anos 40, a emigración diríxese sobre todo a Europa (Francia, Alemaña, Suíza, Luxemburgo) e a outras partes do Estado (Barcelona, Madrid, Euskadi, Asturias...), retornando estes últimos emigrantes habitualmente polo verán e facendo que a poboación do concello aumente significativamente nesa época do ano.
A nivel cultural e etnográfico, o principal rasgo distintivo de Riotorto é o traballo artesanal do ferro, que se mantivo durante boa parte do século XX e que aínda hoxe loita pola súa supervivencia. Así, en 1941, o cronista de Mondoñedo Lence-Santar dá conta da existencia de nada menos que 56 forxas no concello de Riotorto: 37 na parroquia de Ferreiravella, 17 na de Espasande de Baixo e dúas na de Riotorto. Actualmente consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo -en ruínas-, e o da Fraga en Ferreiravella -restaurado recentemente para destinalo a turismo rural-. Outro mazo foi o de Chavarría, destruído na década dos oitenta. A estes mazos hai que sumar cinco muíños, unha central hidráulica e 38 moas, que conforman o centro ferreiro máis importante do Norte da Península.
Por outra banda, en Riotorto, como en toda a Galicia rural, mantivéronse celebracións vencelladas ao calendario relixioso e tamén ás labores agrícolas. Entre elas hai que destacar as festas que se celebran nos distintos pobos e parroquias, salientando entre elas o San Cristovo, con tradicións coma as bendicións dos vehículos, as merendas na Croa ou os concursos de carrozas (que teñen o seu antecedente nos carros que se engalanaban polo San Pedro), ademais doutras celebracións comúns a toda Galicia coma o Entroido, e labores coma a sega, a malla ou a matanza do porco.