Riotorto no tempo

O proxecto

A Asociación Arrincadeira, desde a súa constitución no ano 1999, estableceu como un dos seus obxectivos fundamentais o coñecemento, promoción e conservación do patrimonio de Riotorto, tanto material como inmaterial, entendido no seu senso máis amplo.

Presentamos agora o proxecto "Riotorto no tempo"; con el pretendemos crear unha base documental de recuperación da historia local a través dun arquivo fotográfico. Actualmente as cámaras fotográficas están a disposición de todo o mundo, pero isto non sempre foi así; nos tempos dos nosos pais e dos nosos avós, a visita do fotógrafo era un acontecemento trascendental, diríase que case máxico. Por iso, esta mostra quere servir tamén como homenaxe aos encargados de levar esa maxia ás casas e tamén aos acontecementos sociais -feiras, mercados, festas, procesións...-, é dicir, aos fotógrafos: o Corelo, o Queitano, Ángel, Teodoro, Villada... Aínda que algúns deles xa non están hoxe connosco, a súa obra fai que en certa medida continúen estando entre nós.

Temos que sinalar como precedente de "Riotorto no tempo" a exposición que levou a cabo a Asociación de Mulleres Rurais no verán de 1999. As fotografías desa mostra foron o núcleo orixinal deste arquivo, aumentado despois coas imaxes recollidas polas casas co gallo das festas do San Cristovo, do San Bernabé en Espasande de Riba, e do San Bartolo en Espasande de Baixo. Agora agardamos que o arquivo siga medrando coas aportacións dos visitantes desta páxina.

Tan importante coma as fotografías é a información que levan asociada. Por iso, desde Arrincadeira, aproveitando as oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías, decidimos darlle a "Riotorto no tempo" un formato aberto á participación non só dos veciños de Riotorto, senón tamén de todos aqueles que se viron obrigados a marchar lonxe da súa terra, e que agora teñen a ocasión de revivir vellos recordos. Confiamos tamén en que este proxecto sirva como pretexto para achegar as tecnoloxías da información á xente de maior idade, xustamente os que máis e mellor información nos poden proporcionar sobre as fotos que aquí expoñemos.

Por último, queremos agradecer a súa colaboración a todas as familias que aportaron fotos e información; sen elas, evidentemente, este proxecto non sería posible. Tamén queremos animarvos aos que visitedes esta páxina a aportar novas fotos ou datos sobre as que xa están subidas (lugar e ano en que foi feita, persoas que aparecen nela...). Agardamos que esta páxina sirva de punto de encontro para todos os que estamos interesados na historia do noso pobo, pois cremos firmemente que coñecer algo é o primeiro paso para amalo.