Riotorto no tempo

Actividade recente

706 rexistros | Páxina 17 de 71 | Anterior1 ...12131415161718192021... 71Seguinte
Subiuse unha nova foto 2011-08-01 19:32:51

Enio Sánchez Díaz, pasando un Renault 12 na bendición do San Cristovo. No palco, a carón do cura Vicente Rodríguez aparecen, entre outros, Pepe de García e Cándido de Abadín

Eloi fixo un novo comentario 2011-07-26 15:58:57

Se vos fixades, o número de teléfono que hai na porta só tiña dúas cifras. Segundo me contaron, naquela época as chamadas ían a unha centraliña que estaba na casa de Carrao

Subiuse unha nova foto 2011-07-24 14:10:06

Leonardo do Ferreiro traballou no transporte de mercadorías, cando aínda non existía a figura do viaxante, para achegar produtos ós nosos comercios. Facía a viaxe a Lugo todos os martes, levando e traendo o xénero para a Casa de Visita, a Carnicería e demais comercios ou persoas que llo demandaban. Na imaxe aparece pasando o camión na bendición dunha das primeiras celebracións do San Cristovo, festa da que foi un dos promotores

Subiuse unha nova foto 2011-07-20 18:48:13

Veciños de Galegos, de merenda no San Isidro de 1968 no Vilar da Corota, lugar pertencente á veciña parroquia de Seixosmil, no concello de Meira

Subiuse unha nova foto 2011-07-18 19:01:31

Carta enviada polo veterinario Francisco Hernández Macarro ós veciños de Riotorto, pedíndolles o voto para a candidatura por el encabezada, nas primeiras eleccións municipais logo da morte do ditador Francisco Franco Bahamonde. Celebráronse o 3 de abril de 1979, conseguindo a victoria esta candidatura con 1385 votos (84,55 por cento) e 10 concelleiros na nova corporación.

Na imaxe relacionada vemos a presentación dos demais membros da lista, que o Veterinario redactou co seu peculiar estilo.

A candidatura independente representaba a continuidade do poder establecido, xa que Francisco Hernández Macarro era alcalde dende o ano 1973, cando substituiu a Wenceslao Besteiro Fórneas

Subiuse unha nova foto 2011-07-11 18:53:53

Mozos de Ferreiravella a carón do bar de Vega, en plena "performance" coa que se presentaron ó concurso de carrozas do San Cristovo, caracterizados da familia Picapedra. Nesta carroza participaron un grupo de amigos de Ferreiravella: Pepe, que conducía (de costas, na rúa), Anxo e José Manuel do Louro (subidos na carroza), Trini (de perruca branca, na parte alta da carroza), Raquel (sentada), Ángeles (sentada, de costas), Azu (sentada, con perruca branca), Maribel, José Gabriel e María del Mar. Na foto relacionada aparecen diante do almacén da droguería: Pepe (primeiro pola esquerda), Ángel, Azu, José Manuel, Maribel (sentada) e Raquel (sentada)

Subiuse unha nova foto 2011-07-11 18:39:18

O combate puxilístico entre Jose do Caldeireiro e Fede da Carnicería é unha das carrozas do San Cristovo máis recordadas dos anos setenta. O cámara de TV Roberto da Lechería, o xuíz árbitro Juan Manuel do Zapateiro e os xuíces de mesa Orlando e Nino de Félix completaban o reparto. A fotografía foi feita polo Queitano de Ferreiravella, un dos fotógráfos habituais das nosas festas

Subiuse unha nova foto 2011-07-10 20:44:20

Fotografía feita nas Rodrigas e datada en maio do 1925. O autor, como se pode comprobar na sinatura ("A. López Arias - fotógrafo") é o Corelo. Á esquerda da imaxe vese a esquina do que era a "Casa da Sociedade", pertencente á "Sociedad de Labradores y Agricultores de Riotorto". Anos despois, esta casa foi derrubada para construír nos mesmos terreos a nova igrexa parroquial de San Pedro de Riotorto . Ó fondo, as cerdeiras floreadas, testemuñas silandeiras do século

Grazas Jaime. Incluimos a José Luis de Eirredondo na descrición. Encantados de que colabores connosco. Se tes algunha foto de interese podes escanela (ou podemos facelo nós) e enviarnola a dirección info@arrincadeira.eu

Subiuse unha nova foto 2011-07-06 23:24:06

Retrato de Nicolasa Agüera González asinado por F. Lorente en 1903. Viúva do notario de Riotorto, Manuel Moirón Fernández, patriarca da influente familia Moirón de Cachán; Manuel e Nicolasa eran bisavós de Álvaro Cunqueiro. Ela, ademais, estaba emparentada cos Santomé de Santa Marta de Meilán. Naceu en Cachán (Riotorto) o 17 de abril de 1834, sendo filla única de Vicente Agüera e de Vicenta Díaz Aguiar, naturais de Riotorto. Casa con Manuel Moirón o 4 de marzo de 1847, e ó ser tan nova, intérnana con monxas durante dous anos para a súa formación. Fixan a súa residencia na casa de Cachán, tamén chamada de Uría ou de Agüera. Teñen 16 fillos, entre eles Carmen Manuela Vicenta Moirón Agüera, nai de Josefa Mora Moirón (Pepita) e, polo tanto, avoa de Álvaro Cunqueiro.

Na revista El Agricultor aparece a seguinte información sobre Nicolasa: "En xullo de 1913 é a única en presentar exemplares de vacún estranxeiro no concurso de gandos de Riotorto, 3 vacas que merecen un premio especial, unha estatua de bronce obsequio de Montero Villegas. O seu fillo Sergio Moirón Agüera, que se presenta polo distrito de Riotorto na candidatura dos caciques de novembro de 1913, presidirá o concello por primeira vez o 7 de xaneiro de 1914. Dona Nicolasa morre en outubro de 1914. O enterro ten lugar o 12 de outubro de 1914, constituíndo o acto unha gran manifestación de dó e testemuño de aprecio e estimación de tan distinguida familia. Asistiron ás honras fúnebres as primeiras autoridades de Meira e Vilameá"